Comunismo primitivo

Por comunismo primitivo, comunidade primitiva, ou modo de produción primitivo, enténdese, na teoría marxista, unha etapa do desenvolvemento das formacións económico-sociais, caracterizadas polo baixo nivel de desenvolvemento das forzas produtivas, a propiedade colectiva dos instrumentos de produción (rudimentarios) e a distribución igualitaria dos produtos. É o primeiro dos modos de produción que Marx definiu como estadios da evolución da historia económica.

Os homes organizábanse en bandas, adicadas á caza, pesca e recolección, e a actividade laboral humana baseábase na cooperación sinxela. Para Marx, este tipo de produción colectiva ou cooperativa era, naturalmente, o resultado do desamparo no que se atopaba o individuo illado, e non da socialización dos medios de produción. Como consecuencia, o home primitivo non concibía a posibilidade dunha propiedade privada dos instrumentos de produción, só algúns destes, que lle servían tamén para defenderse das feras, pertencíanlle en propiedade persoal. Traballo tan primitivo non creaba excedente algún logo de cubrir as necesidades máis perentorias, e esa inexistencia impedía a explotación do home polo home. Nese réxime económico a produción estaría directamente determinada polas necesidades colectivas, e entre o acto substancial da creación e o creado non había ningunha mediación social e, xa que logo, ningunha ruptura epistemolóxica.

Esta forma de vida corresponde ao período que os prehistoriadores denominaron Paleolítico, e non foi senón co descubrimento da agricultura e a gandería, realizado durante o Neolítico que permitiu unha primeira especialización e división social do traballo, como describe o historiador Vere Gordon Childe cos seus conceptos de Revolución neolítica (na que as aldeas campesiñas aínda conservaban boa parte do igualitarismo social) e a posterior Revolución urbana (cando xa aparecen claramente as clases sociais e o poder político e relixioso).

No comunismo primitivo non había excedentes de produción, polo que non existía desigualdade de bens nin a necesidade dun Estado. Ao ser unha sociedade baseada no autoconsumo, todas as súas relacións sociais eran comunitarias.

Este modo de produción foi substituído, dependendo do lugar ou a época, ben polo modo de produción escravista ou ben polo modo de produción feudal.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search